Bacallau con cebola allada

Cando saco do conxelador o rico bacallau que traemos da feira de Portugal asáltame sempre a mesma pregunta: como o preparo? Temos uns lomos gordos, fermosos, e a min simplemente cocidos non me van moito, así que indaguei nos libros de cociña e fixen unha versión do “Bacallau lusitano” da Cociña de Larpeiros.

Bacallau con cebola allada

Bacallau con cebola allada

Apetecíame ademais algo de verduriña, e topei en Pontevedra unha coliflor de aquí, con toda a súa folla, fresquiña, así que me aventurei a unha variante da allada clásica.

Ingredientes (para 3 persoas):

  • 600 grs de lomos de bacallau desalgado
  • 2 cebolas grandes
  • Fariña
  • Aceite de oliva
  • 1 cullerada grande de pementón moído doce
  • 1 bo chorro de vinagre
  • 1 coliflor
  • Patacas (opcional)
  • 3 ou 4 dentes de allo

Elaboración:

1.- Lavamos a folla da coliflor (á miña nai sempre lle gustou, e a min tamén) e partímola un pouco. Botámola en auga fervendo con sal e media cebola. Cando ferva 5 minutos, engadímoslle a flor partida en catro grandes anacos, e deixámola entre 12 e 15 minutos. (Eu non o fixen, pero pode engadirse pataca, ou fritila en vez da colilor).

Cama de coliflor

Facemos unha cama coa coliflor

Escorrémolo e facemos unha cama coa verdura e a flor ao redor nunha fonte que poida ir ao forno.

2.- Secamos os lomos de bacallau desalgado e pasámolos por fariña. .

Bacallau

Secamos ben o bacallau

Nunha tixola con aceite ben quente, dourámolos por todos os cantos:

fritimos

Fritimos o bacallau

Retirámolos sobre a cama de verdura, coa pel para abaixo, e reservamos.

bacallau á fonte

Reservamos o bacallau

3.- No aceite de fritir o bacallau, sofritimos a cebola cortada en aros. Cando empece a abrandar, engadímoslle o allo laminado.

cebola

Sofritimos a cebola

Cando a cebola transparente, retiramos do lume. Podemos quitarlle algo de aceite. Engadimos o pementón e o vinagre, e remexemos ben.

Pementón

Engadimos o pementón e o vinagre

4.- Cubrimos o bacallau e a coliflor coa mestura.

Regamos

Cubrimos coa mestura

Metemos a fonte no forno a temperatura moderada entre 10 e 15 minutos (polo grosor do meu bacallau, non lle viñan mal 20 minutiños).

Resultado final

Resultado final

 

This entry was posted in Peixes e mariscos, Receitas, Verduras. Bookmark the permalink.

2 Responses to Bacallau con cebola allada

  1. Cachelo says:

    Pois eu probei hoxe a facelo. Pasou o exame na casa e pode repetirse mais veces. Tentei cociñalo 20 min no forno, pero se queimaba a cebola da allada e só botou 15. E como non sabía a temperatura, púxeno a 180º (ao PTV que invitei a comer gustoulle ver as follas da coliflor)

  2. maraghota says:

    Pois alégrome de que gustase! Perdón, que esquecín o da temperatura. Nos Larpeiros din “temperatura moderada”, así que se cadra un pouco menos de 180º iría mellor. Vexo que atopaches a coliflor coa folla! Non é tan fácil…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>